Os produtos "que saben" arrasan no Fórum Gastronómic de Barcelona


Público e profesionais dun amplo espectro sectorial están a participar nas actividades e promocións que a área de Turismo da Deputación da Coruña está desenvolvendo no Fórum Gastronómic de Barcelona. Baixo o selo 'A provincia que sabe', nesta edición a Deputación apostou por incorporar as habituais degustacións e showcookings, a presenza de produtores e produtoras, xerentes e/ou CEOs de varias marcas de produtos agroalimentarios, procedentes dos xeodestinos da provincia.

Deste xeito, profesionais de puntos de venda, de cadeas de distribución, cociñeiros e cociñeiras procedentes doutros territorios da península, bloggers e críticos gastronómicos están a ser atendidos directamente polos propios produtores e xerentes das marcas gastronómicas expostas.

A idea é, segundo indica o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, "dar a oportunidade a produtores e produtoras a participar de forma activa nunha das feiras sectoriais que máis repercusión pode ter na promoción dos seus produtos fóra do noso territorio". Xosé Regueira insiste en que se trata de "dar mostra da diversidade e calidade da cadea agroalimentaria e gastronómica como unha das fortalezas turísticas da provincia", co obxecto último de "procurar un retorno efectivo para produtores, distribuidores e hostalería e orientar a promoción cara ao turismo consciente e de calidade". O stand da Deputación no Fórum volve ofrecer, un ano máis, e a única "cociña que fala galego" en toda a programación da Feira.

O cociñeiro Diego Castro Mato do restaurante Casa Nené de Arzúa, foi o encargado de abrir a quenda de showcookings elaborando unha receita de carpaccio de cogomelo Porto Velo con queixo Galmesan e xema de ovo, carrileira de vaca esmigalladas con puré de cabaza e salsa de queixo Barral; e sobremesa de queixo As Vervas con marmelo de freixo e mel de Portodemouros e améndoa tostada. Tamén na xornada deste luns, na quenda de tarde cociñou en directo o cociñeiro Óscar Galandum da Taberna Bardancas de Cariño.

Na xornada de mañá martes, será a quenda de Lolo Mosteiro e Paula Martínez do restaurante A artesa da Moza Crecha de Betanzos, e de Antonio Díaz Calvo do gastrofood AUTGA de Terras do Eume. Na última xornada, o mércores serán Bea Hermida e Óscar Ures do restaurante A Cunca de Buño, os encargados de poñer o peche á programación de showcookings nesta edición.

En canto ás degustacións, o público asistente ao Fórum Gastronómic pode saborear, mais tamén coñecer da man dos produtores e produtoras, os queixos Barral, As Verbas e Galmesan, os tres de Arzúa, as galletas Maruxas de Nata de San Sadurniño; as algas de Mar de Ardora de Ortigueira; conservas La Pureza de Cariño; e torta de améndoa de Vila sen Vento do Pino. O martes, tamén está prevista unha charla-degustación de viños, a cargo do sumiller Alberto Varela baixo o título 'A Coruña, unha historia de viños'