Pontedetapas regresa despois de dous anos de pandemia cun premio do público


Tras un parón de dous anos por mor da pandemia, regresa á cidade un dos proxectos con mellor acollida e máis senlleiros da marca Pontevedra Capital Gastro: o Pontedetapas 2022 convida á hostalería e á cidadanía a participar deste certame por excelencia da gastronomía en miniatura, nunha edición que terá ademais un sabor moi especial. Por primeira vez, a iniciativa impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e o colectivo de Hosteleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) elixirá a Tapa de Pontevedra que representará á cidade na final do concurso #deTapasxGalicia, organizado pola Axencia de Turismo de Galicia da Xunta e na que compiten as tapas gañadoras dos distintos certames de tapas das sete grandes cidades galegas.

Ademais, nesta edición porase a disposición de tódolos establecementos inscritos no Gastroespazo do Mercado unha estación de fotografía, cun espazo habilitado para a montaxe da tapa en horario de mañá e de tarde, que permitirá sacar unha imaxe profesional de cada receita para incluíla no folleto promocional do Pontedetapas 2022 e para difundir a través de redes sociais. O certame desenvolverase entre os días 24 de novembro e 4 de decembro e todos aqueles establecementos que desexen participar poderán inscribirse ata o domingo 13 de novembro.

O evento foi presentado este martes no Gastroespazo, nun acto no que participaron o presidente de Hoempo, Daniel Lorenzo, e maila concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, quen lembrou que o concurso establece galardóns en dúas categorías: “a de Mellor Tapa Creativa, na que se ponderarán valores gastronómicos como a innovación, a técnica, a presentación e a orixinalidade da proposta; e a de Mellor Tapa Tradicional, sendo o uso das receitas tradicionais, a utilización de produtos de proximidade e a identidade gastronómica galega os valores a avaliar”. “Sei que novembro é un mes especialmente para a hostalería -sinalou a edil do PSOE- e para iso estamos aquí, para poder activar a economía e a actividades dos hostaleiros e hostaleiras. Habilitouse un formulario dixital para as inscricións dos establecementos, que deberán encher cos datos do nome da tapa, o escandallo, a receita e o listado de alérxenos. Cada tapa vai ter un código QR específico e haberá urnas en cada un dos locais participantes, polo que o público poderá avalialas, votalas e contribuír a elixir as mellores. Cada hostaleiro deberá propoñer un horario de servizo da tapa, especificalo no momento da inscrición e comprometerse a cumprilo”.

Tal e como indicou Blanco, “establecéronse dous premios (primeiro e segundo) para cada categoría (Tapa Creativa e Tapa Tradicional), que se traducirán en placas de recoñecemento da posición conseguida, e o establecemento que acade o primeiro premio do público na categoría de Tapa Creativa terá o recoñecemento de Tapa de Pontevedra, representando á cidade na final do #deTapasxGalicia, o certame organizado pola Axencia de Turismo de Galicia da Xunta, no que competirán as tapas gañadoras dos distintos concursos de tapas das 7 cidades”. En opinión da socialista, “Pontedetapas non só serve para activar a economía, para que os establecementos traballen e a cidadanía desfrute, senón que tamén é unha forma de promoción”, e neste sentido, “os días 14 e 15 de novembro instalarase no Gastroespazo un estudo fotográfico no que cada hostaleiro poderá montar a tapa que vai presentar a concurso e facer unha foto en condicións, profesional, que faga unha boa promoción”.

Daniel Lorenzo fixo un chamamento “a tódolos hostaleiros a que se sumen a esta iniciativa, que é moi boa para a cidade, para o conxunto da cidadanía e, sobre todo, para un sector que afronta un mes que sabemos que sempre é bastante complexo”. “Que pasen por aquí os días 14 e 15 -afirmou o presidente de Hoempo- para facer visibles as súas tapas, xa que polos ollos entra todo moi ben e supón unha promoción moi boa de tódolos negocios. Animar tamén á cidadanía a saír á rúa, sobre todo durante os días de semana, que son os máis complicados para tódolos hostaleiros e aqueles nos que podemos recibir unha mellor atención, posto que non están tan agobiados e saturados de traballo. A cidadanía debe aproveitar este tipo de certames, xa que temos unha cidade moi interesante e boa a nivel gastronómico”.

Noutras edicións, a participación tiña unha cota de inscrición de 60 euros, que este ano, coa finalidade de botarlle unha man ao sector nun momento tan duro, en plena subida de custes, será asumida integramente pola Concellería de Promoción Económica. Tódalas tapas terán un prezo de venda ao público fixado en catro euros.

O presidente de Hoempo admitiu que a inflación está a provocar “unha situación bastante complicada” para a hostalería pontevedresa, cun contexto “de suba de prezos que non podemos repercutir na súa totalidade nos prezos das nosas consumicións”. “Asumimos unha parte desa subida, sobre todo pola factura da enerxía, que está sendo un duro pau nas nosas rodas, co cal, despois destes anos difíciles, a situación se complica aínda máis. Este certame, nun mes como novembro, pode facer que as nosas contas sexan un pouquiño mellores a final de mes”, apuntou Lorenzo.

Para promover o certame entre a cidadanía e outros concellos, distribuirase material promocional como carteis, folletos e publicidade na rúa. Os establecementos participantes deberán comprometerse a telos visibles, do mesmo xeito que as urnas e boletos de votación.