Portomeñe nomeado embaixador de honra do Camiño de Santiago


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego concede o título de embaixador de honra do Camiño de Santiago a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe.

Asegura que Galicia tiña unha “débeda histórica” co director do Plan Xacobeo ‘93 e resalta que foi a persoa que contribuíu a que medrase “o coñecemento internacional da ruta xacobea” e que o Camiño “sexa hoxe un dos motores do turismo en Galicia”.

En 2013 concedeuse a primeira distinción de embaixador de honra ao rei Felipe VI, naquel momento S.A.R. o Príncipe de Asturias, para logo seguir recoñecendo a figuras e institucións como Vicente del Bosque, Mariano Rajoy, a Súa Maxestade Xoán Carlos I de Borbón, o Consello de Europa e Carlos Herrera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou na rolda de prensa tras o Consello que o Executivo autonómico, na súa reunión semanal, aprobou a concesión do título de embaixador de honra do Camiño de Santiago a título persoal a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe.

Rueda asegurou que este recoñecemento era unha “débeda histórica” co director do Plan Xacobeo’93, a persoa que “contribuíu a que medrase o coñecemento internacional da ruta xacobea e que o Camiño sexa hoxe un dos motores do turismo en Galicia”. A concesión deste título está regulada no Decreto 163/2013, do 24 de outubro, e é o titular da Presidencia da Xunta de Galicia quen realiza a concesión deste. Con esta concesión, será o gran embaixador da celebración do 30 aniversario do primeiro Xacobeo civil e do 30 aniversario do recoñecemento ao Camiño Francés como Patrimonio Mundial da Unesco. “É a persoa idónea tanto por coñecementos como por méritos”, resaltou o presidente autonómico.

A vinculación de Víctor Manuel Vázquez Portomeñe co Camiño iniciouse na súa etapa como conselleiro de Relacións Institucionais e portavoz do goberno, cando creou e dirixiu o Plan Xacobeo 93, o maior programa de promoción cultural e turística de Galicia do século XX, xerme dos seguintes plans de promoción, que a Xunta de Galicia impulsou con motivo dos anos santos composteláns 1999, 2004, 2010 e 2021/22. Como resultado do traballo realizado por Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, medrou o coñecemento internacional de Santiago e de Galicia e reforzouse o prestixio do Camiño de Santiago como itinerario de peregrinación histórico, na estela da declaración do Camiño como primeiro Itinerario Cultural Europeo, por parte do Consello de Europa en 1987. Entre as consecuencias máis positivas do Xacobeo 93 hai que resaltar a positiva pegada económica para Galicia e a declaración por parte da UNESCO do Camiño de Santiago (o Camiño Francés en España) como Patrimonio da Humanidade.