Viveiro ultima xa o seu belén, un dos máis importantes e turísticos de Galicia


O Concello de Viveiro leva traballando a través da Asociación Amigos do Casco Histórico de Viveiro desde hai un mes na instalación do belén “Viveiro ante o berce”. O belén, organizado polo Concello de Viveiro e co cofinanciamento da Deputación de Lugo, será inaugurado o vindeiro luns 5 de decembro.

A alcaldesa, María Loureiro, visitou o belén, que supón un dos grandes atractivos turísticos da vila durante o Nadal. Como cada ano, trae novidades que os visitantes terán que descubrir.

O belén “Viveiro ante o berce” considérase como un dos máis importantes de Galicia, destacando pola súa beleza, a dimensión das súas pezas, a extensión do conxunto do propio belén e por estar instalado nun enclave histórico-monumental único.

O Concello de Viveiro anuncia ademais que o belén poderá visitarse dende o luns 5 de decembro, coincidindo co acendido das luces de Nadal, ata o vindeiro 11 de xaneiro.

“Esta iniciativa permítenos alongar a campaña de Nadal, favorecendo o fluxo de visitantes, o comercio e a hostalaría. Ademais, a Deputación de Lugo recoñeceu ao noso belén como unha das melloras iniciativas de promoción turística da provincia, cun premio na categoría Lugo Cambia ao Turismo”, sinalou María Loureiro, rexedora de Viveiro.