A Deputación encarga a redacción do proxecto de mellora da mobilidade peonil da Vía da Prata en Bandeira
A Deputación de Pontevedra vén de encargar o traballo de redacción do proxecto de mellora da mobilidade peonil da Vía da Prata ao seu paso pola Bandeira, en Silleda. Trátase dunha actuación incluída no Plan de Sostibilidade Turística en Destino Deza-Tabeirós, que acadou financiamento no marco do Plan Nacional de Sostibilidade Turística en Destinos Xacobeo convocado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio con fondos europeos Next Generation, e que vai supoñer un impulso ao turismo nestas comarcas do interior da provincia en liña cos obxectivos de loita contra o despoboamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado.
O Plan de Sostibilidade Turística de Deza e Tabeirós-Terra de Montes concede un especial protagonismo á mellora da transitabilidade no Camiño e á seguridade peonil. Tamén ten en conta o desenvolvemento turístico nos concellos polos que discorren as rutas xacobeas. O proxecto desenvolveranse nun tramo aproximado de 150 metros no entronque da estrada N-525 coa EP-6511, no lugar da Casela, na Bandeira.