O Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, e o presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso, presentaron este venres no Pazo de San Marcos a novena edición da revista Micolucus, da que se fixeron 900 exemplares e que conta cunha achega da Deputación de Lugo de 3.500€.
Raposo destacou que esta publicación anual “tense convertido nun referente para o coñecemento da micoloxía e, en xeral, da natureza e a biodiversidade na nosa provincia”. Trátase dunha publicación que está presente en centros de investigación de 14 países, entre eles Estado Unidos, Francia, Reino Unido, Alemaña ou Portugal, por citar só algúns e á que recorren universidades de tanto prestixio internacional.
“A combinación de rigor no estudo científico, co desexo de achegar ó gran público o coñecemento do medio ambiente que desenvolve a Sociedade Micolóxica Lucus coincide cas políticas de promoción do territorio que impulsa a Deputación de Lugo”, destacou. O Deputado defendeu a protección do medio ambiente para o que “precisamos desenvolver políticas de prevención do lume máis eficaces. Porque non se pode cargar ós concellos ca responsabilidade dunha tarefa que excede as súas competencias e a súa capacidade económica ou organizativa”.
A Sociedade Micolóxica Lucus forma parte dos órganos de participación das Reservas da Biosfera do Miño e Ancares, xestionadas pola Deputación de Lugo. Fundouse en 2001 pola iniciativa dun grupo de afeccionados á micoloxía e cos obxectivos de fomentar os valores naturais lucenses e achegar esta ciencia á cidadanía coa posta en marcha de cursos de micoloxía.