Consellos reguladores en fase de renovación


Acaba de comezar o prazo para a presentación de candidaturas no marco do proceso de renovación dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario galego, tutelado pola Consellería do Medio Rural. Poderán presentarse candidaturas ante cada consello regulador ata o 5 de xaneiro,

Así, o proceso electoral en curso servirá para a renovación dos órganos de goberno dos consellos reguladores das denominacións de orixe protexidas (DOP) vitivinícolas Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras; do Consello Regulador das indicacións xeográficas (IX) das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia; dos consellos reguladores das DOP dos queixos Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla e San Simón da Costa; dos consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Pataca de Galicia, Mel de Galicia, Pan de Cea e Castaña de Galicia; do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia e do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Mentres, prorrógase o mandato dos consellos reguladores das DOP Cebreiro e Pemento de Herbón e o dos consellos reguladores das IXP Lacón Gallego, Faba de Lourenzá, Grelos de Galicia, Tarta de Santiago, Pemento do Couto, Pemento da Arnoia, Pemento de Oímbra, Pemento de Mougán e Pan Galego.

Cabe lembrar que a prórroga do mandato dos outros 11 consellos reguladores débese ao seu escaso número de inscritos -pouco máis do 2% do total de operadores en réximes de calidade- e baixo volume de actividade -inferior ao 0,5% do total das producións con selo-, o que dificulta a formación de candidaturas.

Segundo o previsto no calendario establecido, o día 27 de xaneiro a Xunta Electoral fará a proclamación definitivadas candidaturas presentadas. Unha vez que a Xunta Electoral proclame as candidaturas, se a totalidade das correspondentes a un censo ou subcenso chegan a un acordo na repartición das vogalías, darase por concluído o proceso electoral para ese censo ou subcenso e a Xunta Electoral proclamará como vogais os candidatos propostos. O dito acordo deberá presentarse ante a Xunta Electoral a máis tardar o 2 de febreiro e virá subscrito polos representantes de cada candidatura.

Ao respecto da campaña electoral, arrancará o 3 de febreiro e finalizará o día 17 dese mes, para dar paso ás votacións o 19. O 21 de febreiro proclamaranse os vogais electos pola Xunta Electoral e, tras a presentación e resolución dos eventuais recursos -se os houbese- a toma de posesión producirase entre os días 27 de febreiro e 10 de marzo de 2023.