Novos proxectos turísticos de Pontevedra optan a obter fondos europeos a través da Deputación

 

Novos proxectos turísticos de Pontevedra optan á financiación europea a través da Deputación provincial. Avanzouno a presidenta da institución, Carmela Silva, nunha rolda de prensa na que fixo balance dos fondos conseguidos ao longo de 2022, que permitiron impulsar iniciativas de toda índole.

En materia de turismo, o proxecto xa financiado foron os plans de sostibilidade turística das comarcas do Condado Paradanta e O Deza, que recibiron algo máis de tres millóns de euros.

A Deputación tamén recibiu fondos para cooperación transfronteiriza, área na que tamén se estiveron xestionando recursos do POCTEP doutros anos, con algo máis de medio millón de euros para a cooperación co norte de Portugal, en concreto para proxectos ao abeiro de Visit Rio Minho, “un proxecto turístico entre o sur de Galicia e o norte de Portugal, para que os turistas poidan percorrer os concellos de ambos lado do Miño”.