Este novo instituto universitario nace coa vocación de converterse nunha referencia na promoción, a través da I+D+i, da transición cara a sistemas agroalimentarios máis resilientes, sostibles e seguros. O seu obxectivo final é "converter a Galicia nun referente europeo en agroecoloxía e alimentación", segundo resaltan dende a propia UVigo.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, definiu durante a sesión plenaria do Consello Social a este Instituto de Agroecoloxía e Alimentación coma unha ferramenta de gran valor para o Campus de Ourense, "que será moi importante para a investigación tanto do ámbito agrícola como alimentario que se fai no campus de Ourense e que nos coloca entre as 75 mellores universidades do mundo". O reitor destacou que este instituto será ademais unha das patas do futuro Agro Food Tech Lab, que "é un laboratorio de investigación ibérico que está xa asinado polas partes no anterior cumio ibérico de España e Portugal".