A Torre de Caldaloba conta cun panel informativo que destaca o interese turístico da fortaleza de Cospeito, en Lugo

 

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo instalou a carón da Torre de Caldaloba un panel informativo no que se recollen as características físicas e a significación histórica da fortificación, cuxas orixes se remontan ao século XIV e declarada Ben de Interese Cultural en 1994.

A inscrición lembra que a fortaleza foi escenario da resistencia que Constanza de Castro e o seu marido Fernán Ares de Saavedra opuxeron ao asedio dos Reis Católicos no último terzo do século XV, nun episodio que simboliza a extinción do reino medieval galego. Incorpora un código QR para que as persoas visitantes accedan ao pdf do caderno divulgativo “Loita, resistencia e morte: dona Constanza de Castro toma a fortaleza de Vilaxoán” de Antón Xosé Meilán García, editado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Ademais, a contorna máis próxima á Torre sinalizouse con carteis que advirten do perigo de acceder á fortaleza, tendo en conta o seu deterioro.