A Deputación de Ourense está rematando as bases reguladoras do Programa de Termalismo Social provincial de 2023, que incluirá unha modalidade única en España orientada ás persoas maiores que viven soas: o termalismo contra a soidade non desexada.
Manuel Baltar lembra que esta medida foi anunciada no Debate sobre o estado da provincia celebrado en novembro: "Unha iniciativa que será unha realidade a través deste programa, apoiada en eixos deste goberno como son o termalismo, as políticas sociais e a cooperación e que afonda na nosa capacidade de reacción ante un problema social que nos preocupa moito".
O presidente da Deputación destaca a importancia da alianza público-privada e a colaboración cos concellos -os participantes poderán acceder ao programa a través dos servizos sociais municipais- para implementar un programa que, valora, "da boa conta da capacidade e axilidade para deseñar un programa deste tipo e poñelo en marcha en tan pouco tempo, ademais de realzar o excelente traballo da Área de Benestar".