Peche de ouro á V Aceleradora da Deputación de Pontevedra de empresas turísticas, cun 90% de proxectos liderados por mulleres

 

A sede de Vigo da Deputación acolleu onte o peche da V Aceleradora de Empresas do Sector Turístico da institución na que o 90% dos proxectos participantes foron liderados por mulleres. Trátanse de oito iniciativas que “falan da capacidade que ten esta provincia de responder ás novas demandas do sector turístico”, tal e como asegurou a presidenta Carmela Silva ao referirse aos proxectos participantes, vencellados ao turismo de experiencias, así como a impulsar plataformas e novas propostas para optimizar a oferta. Durante o acto, que ateigou a Sala Rosalía da sede viguesa, a presidenta subliñou o seu orgullo polo “talento e creatividade” da provincia, remarcando o liderado feminino maioritario dos proxectos, e reivindicou a obriga das administracións “de contribuír para que ese talento, innovación e creatividade se converta en empresas que xeren actividade económica e emprego”. Ademais da presentación das iniciativas da aceleradora, a sede de Vigo acolleu tamén a presentación de cinco solucións turísticas innovadoras lideradas, tamén, maioritariamente, por mulleres.