A gandeiría na montaña e as razas autóctonas centraron as intervencións das conferencias agrogandeiras do Valadouro

 

A complexidade da gandeiría nas terras de montaña, o manexo do gando nos sistemas extensivos de produción de carne,  a convivencia da gandeiría co lobo, a innovación na xestión silvopastoril ligada ao proxecto Forescelta ou a cría de razas autóctonas como Rubia Galega ou Porco Celta foron algúns dos temas que se abordaron nas conferencias agrogandeiras que se celebraron o sábado no Valadouro, no marco do Mes Gandeiro, que organiza a área de Medio Rural do concello coa colaboración de Medio Rural da Deputación de Lugo.

Gandeiras e gandeiros, persoal técnico e investigador relataron de primeira man as súas experiencias nestes ámbitos, creando un espazo formativo e  de intercambio, que se complementou coa celebración dun Concurso de Andadura Galega organizado por Puraga no que se repartiron  2080 euros en premios.

O Mes Gandeiro continuará o sábado 18 de febreiro coa  feira de gando tradicional no aparcadoiro municipal, a carón da piscina, a partir das 10.00 horas, na que se poderán comprar e vender ou intercambiar reses.