O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) acaba de publicar o regulamento de execución da Comisión que confirma a inscrición definitiva no Rexistro comunitario da indicación xeográfica protexida (IXP) Terras do Navia, e que entrará en vigor en 20 días.
A IXP Terras do Navia -que foi solicitada pola Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia- amparará os viños tintos e brancos producidos en seis parroquias do concello lucense da Fonsagrada -Cereixido, Lamas de Moreira, Monteseiro, San Martiño de Suarna, Vilabol de Suarna e Vilar da Cuiña-, noutras seis de Navia de Suarna -A Pobra de Navia, Barcia, Castañedo, Muñís, Mosteiro e A Ribeira- e na totalidade do municipio de Negueira de Muñiz.
O viños da IXP Terras do Navia elaboraranse exclusivamente con uvas das variedades brancas Branco lexítimo, Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira, Treixadura e Torrontés. No que respecta ás variedades tintas, están permitidas as Albarín Tinto, Mencía, Merenzao, Brancellao, Caíño Tinto e Loureiro Tinto.
Os viñedos deberán estar inscritos no rexistro vitícola e a recollida da uva realizarase en caixas de vendima ou outros recipientes autorizados pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria. O rendemento máximo na elaboración do viño será de 68 litros por cada 100 quilogramos de uva e as producións máximas por hectárea serán de 10.000 kg de uva e 6.800 litros de viño para as variedades brancas, e de 8.000 kg de uva e 5.440 litros de viño para as variedades tintas.