Lugo inaugura a Capital da Cultura do Eixo Atlántico cun concerto que exemplarizou a riqueza galaico-lusa que a cidade amosará este ano
A alcaldesa de Lugo e presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, acompañada do vicepresidente deste organismo, Ricardo Río, e o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, inaugurou este xoves a Capital da Cultura 2023. No acto tamén estivo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, entre outras autoridades como alcaldes e concelleiros de municipios de Galicia e Portugal, e centos de persoas, entre elas representantes de distintos colectivos culturais, sociais e veciños da cidade, que arrouparon o inicio desta gran cita transfronteiriza.
A mesma suporá a celebración en Lugo, ao longo de todo o ano, de máis de 30 programas diferentes e máis dun centenar de actividades referentes a moitas das disciplinas culturais e artísticas de Galicia e do norte de Portugal.