O Gastroespazo do Mercado de Pontevedra acollerá durante o mes de marzo a exposición ‘Mulleres en Loita’

 

Coincidindo coa conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller, o Gastroespazo do Mercado de Abastos acollerá durante un mes a exposición ‘Mulleres en Loita’ organizada polo Grupo de Acción de Amnistía Internacional Pontevedra en colaboración coa Concellería de Igualdade. A mostra será inaugurada pola concelleira socialista Yoya Blanco o vindeiro xoves 2 de marzo ás 20:00 horas, nun acto no que participarán a voceira de Amnistía Internacional Galicia en cuestións de Xénero, Margarita González; a coordinadora do colectivo Boa Vida, Pepa Vázquez, e o voceiro de Amnistía Internacional para cuestións de Inmigración, Seny Kébé.

Estará composta de 5 tótems con seis paneis cada un (así como por 100 postais que se distribuirán entre o público asistente) nos que repasarán diversos aspectos da situación actual da muller e do seu papel como garante dos Dereitos Humanos en distintos países do mundo, xa sexa por medio do acceso á educación, a defensa dos pobos e culturas indíxenas ou a eliminación da violencia machista.