Respaldo da Deputación á Festa da Arribada de Baiona, un dos grandes atractivos turísticos internacionais da provincia

 

A Festa da Arribada, que entre os días 3 e 5 de marzo transformará Baiona nunha vila medieval para conmemorar a chegada da Carabela Pinta en 1493 coa nova do Descubrimento de América, volverá a contar un ano máis co apoio da Deputación de Pontevedra. A institución provincial apoiará con 8.000 euros o evento, declarado de interese turístico internacional en 2015 e consolidado como un dos grandes reclamos festivos do territorio.

A Deputación salienta o gran atractivo histórico e cultural que constitúe a Arribada, que celebra este ano a súa vixésimo sétima edición, e resalta a súa importancia como motor turístico do destino Rías Baixas – Pontevedra Provincia. O obxectivo da institución provincial é acadar ano tras ano a maior difusión da festa para dar a coñecer o feito histórico que supuxo a chegada da Pinta baixo o mando do capitán Martín Alonso Pinzón, o que converteu Baiona no primeiro porto de Europa Occidental en ter coñecemento da existencia doutro continente.