Silva enxalza as melloras impulsadas pola Cooperativa Agrícola de Forcarei para o sector primario

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, vén de visitar xunto á alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, as instalacións da Cooperativa Agrícola de Forcarei (COAFOR), a única cooperativa agraria da provincia de Pontevedra presidida por unha muller, Rocío Corral. Na súa visita, a presidenta tivo a oportunidade de comprobar de primeira man o funcionamento da entidade e o resultado final dos proxectos e obras que impulsou cos 111.000 € que acadou de axudas provinciais ao sector primario nos últimos sete anos.

A través das achegas da Deputación, COAFOR fixo fronte á construción dunha nave para forraxe (cunha achega de 19.361 euros), acometeu melloras nas estruturas agropecuarias e sistemas produtivos (cunha axuda de 16.197 €), e  optimizou o seu equipamento, apostando polas novas tecnoloxías (cunha subvención de 29.084,14 €). A cooperativa tamén acadou fondos para a adquisición de maquinaria e medios informáticos (15.490,14 €), mercou unha carretiña portapedidos e instalou placas fotovoltaicas (19.862,23 €) e, finalmente, destinou recursos para a compra dunha furgoneta, unha apañadoira de pataca e un programa informático (11.303,45 €).