Ternera Galega é o indicativo de calidade que máis carne de vacún certifica en España



O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, participou nun evento na Casa de Galicia en Madrid cuxo obxecto era poñer en valor o produto diferenciado co selo Ternera Gallega Suprema. No evento, no que tamén estiveron o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, así como o secretario general de Agricultura y Alimentación, Fernando Miranda, o conselleiro enxalzou esta marca englobada dentro da indicación xeográfica protexida (IXP) TerneraGallega -o indicativo de calidade de carne de vacún que máis certifica en España, lembrou, con case un 60%- polo seu papel como custodio do territorio e polo seu potencial gastronómico. Con esta, dan comezo unha serie de presentacións de produtos galegos con selo de calidade na Casa de Galicia en Madrid.

Tamén ante o director da Casa de Galicia en Madrid, Juan Serrano, e do presidente do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidasde Carne de Vacún de Galicia, Jesús González, -entre outras autoridades e asistentes- o titular de Medio Rural recordou que este acto vén suceder á campaña de promoción a nivel nacional impulsada pola Xunta en colaboración con dito consello regulador para aumentar a sensibilización e o consumo dos produtos co selo TerneraGallega Suprema, que contou cun orzamento de 1,4 millóns de euros.

Mostra do compromiso do Goberno galego con esta e outras producións de calidade, os 5,5 millóns de euros dedicados este ano á promoción de produtos agroalimentarios emedidas a prol da protección como as axudas aprobadas co gallo da pandemia da covid-19 ou tras a invasión rusa de Ucraína para o sector da carne, os 17 millóns extraordinarios convocados este ano, o protocolo de entendemento entre toda a cadea de valor deste eido ou a Estratexia de dinamización do sector cárnico que se vén de impulsar en xaneiro. No seu discurso, non quixo esquecerse tampouco da Lei de recuperación da terra agraria que está xerando sinerxías entrea xestión do territorio e as producións de calidade ou da futura Lei da calidade alimentaria.

Así mesmo, José González aproveitou a presenza do ministro de Agricultura para reclamar ao Goberno central que baixe o IVE da carne e do peixe como alimentos que son -aseverou- de primeira necesidade. O obxectivo -dixo- debe ser aumentar o seu consumo e evitar a desvantaxe competitiva e o prexuízo directo aos nosos produtores que supón a súa exclusión da rebaixa deste imposto.

Pola súa parte, o ministro de Agricultura louvou o labor dos gandeiros detrás de selos de calidade como o de TerneraGallega e a importancia da diferenciación para consolidarse nos mercados nacional e internacional. Tamén do compromiso compartido entre a Xunta e o Goberno central a prol de garantir o seu futuro, con distintas medidas de apoio.

Máis aló das intervencións institucionais, o acto de hoxe na Casa de Galicia en Madrid serviu para que os cociñeiros José Manuel Mallón, Miguel Fernández e Javier Rodríguez “Taky” elaborasen diferentes pratos con cortes de TerneraGallega Suprema como protagonistas.