Ve a luz a publicación “Pysbe, Pesquerías y Secaderos de Bacalao”, unha homenaxe á historia pesqueira de Ferrol e a unha factoría “que marcou a historia da cidade”

 

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presentaron hoxe a obra de Justino Fernández Negral "Pysbe, Pesquerías y Secaderos de Bacalao de España-Factoría de Ferrol 1925-1973", unha homenaxe á historia pesqueira do porto de Ferrol e á historia dunha industria, que desde hai séculos foi unha das principais fonte de riqueza económica. No acto, que tivo lugar no Centro Cultural Torrente Ballester, tamén estivo presente o autor.

O presidente da Deputación asegurou durante a presentación que a Deputación da Coruña, consciente da importancia de conservar o legado da industria pesqueira de Ferrol, edita esta obra que reflexa o impulso ao tecido empresarial ferrolán e o polo de desenvolvemento para a cidade e a súa contorna que supuxo a chegada desta fábrica durante o segundo cuarto do século XX.

"PYSBE foi a primeira gran empresa pesqueira de España, unha factoría que marcou a historia da cidade a historia persoal de miles de persoas e de familias que traballaron alí", afirmou Formoso, que subliñou que "a obra de Fernández Negral é unha proposta que tenta manter na memoria dos ferroláns e dos galegos a importancia da industria pesqueira e, neste caso, a historia do comercio do bacallau como un produto esencial na vida das familias desde mediados do século XX", apuntou González Formoso.