28749,60€ para a mellora e a posta en valor de dous dos conxuntos de arte rupestre de Campo Lameiro



A Consellería de Turismo vén de conceder unha subvención de 28749,60€ ó Concello de Campo Lameiro para a mellora e a posta en valor de dous dos conxuntos de arte rupestre máis senlleiros da zona.

O proxecto prevé a limpeza e restauración das principais rochas dos conxuntos de Campo de Matabois (situado en Caneda) e Chan da Lagoa (Parada).

Os traballos consistirán na limpeza da capa biolóxica de liques e musgos, así como das fendas das rochas e a súa contorna inmediata, de xeito que se mellore a conservación dos gravados, así como a súa visibilización por parte dos visitantes.

Unha vez completados os traballos de restauración, farase tamén un rexistro fotogramétrico da superficie das estacións rupestres, así como novos calcos, polo que se prevé que se podan atopar novos sucos e motivos anteriormente descoñecidos.