A contorna fluvial de Lugo estrea un novo revulsivo cultural, de recreo e turístico coa apertura das Caldas do Miño
A contorna fluvial da cidade estreou hoxe un novo revulsivo cultural, de recreo e turístico coa apertura e posta en funcionamento das Caldas do Miño, un equipamento de uso público pensado para a relaxación e as relacións sociais que o executivo de Lara Méndez pon a disposición desde mañá, mércores dos e das lucenses, así como das persoas que visiten Lugo, co obxectivo de dinamizar e promover esta zona do municipio.
Trátase de 8 caldas, dúas interconectadas entre si, 6 de auga quente (cunha temperatura de entre 35 e 37 graos), 2 de auga fría, cunha profundidade de entre 60 e 90 centímetros, sumando unha superficie aproximada de lámina de auga de 150 m², e dotadas dunha manta térmica removible que as protexerá fronte á intemperie para evitar perdas enerxéticas e previr caídas durante o horario de peche.