Case un millar de profesionais do marisqueo a pé e 25 embarcaciósn participarán este ano na recollida activa de lixo


O sector pesqueiro e marisqueiro galego vai desenvolver este ano 13 proxectos de recollida de lixo mariño coa participación activa de preto de 900 profesionais do marisqueo e 25 embarcacións en distintas accións que suman 120 xornadas de limpeza das costas e augas de Galicia. Así o recolle a resolución da convocatoria de axudas para este tipo de iniciativas de protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a retirada de residuos no mar que analizou o Consello da Xunta na súa última reunión.

A cifra de persoas participantes nas actuacións que se van realizar en 2023 supón máis que cuadriplicar as da primeira edición, de 2020, que contou coa intervención de 200 mariscadoras e mariscadoras, algo que tamén acontece no caso das embarcacións, que pasaron de ser só cinco a chegar ás 25 actuais. Isto reflicte a implicación cada vez maior do sector marítimo-pesqueiro no coidado do medio mariño e a súa concienciación na necesidade de retirar del os refugallos que chegan desde terra.