Liña de axudas de preto de 700.000 euros para barcos de cerco e artes menores dependentes do xurelo da Coruña

 

A Deputación da Coruña habilita unha nova liña de axudas, dotada cun orzamento de 684.000 euros, para apoiar a flota da pesca de cerco e artes menores da provincia afectada polo paro biolóxico e as limitacións na captura do xurelo, que supón un duro revés para unhas embarcacións cuxos ingresos proceden en grande medida da pesca desta especie.

Así o anunciou onte o presidente, Valentín González Formoso, tras unha reunión con representantes do sector na que participaron tamén o vicepresidente, Xosé Regueira, e representantes da Federación Galega e Provincial de Confrarías de Pescadores, Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA), Asociación de Cerqueiros Galegos, Cooperativa de Armadores de Ribeira e Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (ASOAR-ARMEGA).