A Coruña amplía o seu mapa de conexións aéreas internacionais, sumando Milán-Malpensa aos destinos europeos xa dispoñibles desde o aeroporto de Alvedro, que tamén abranguen as cidades de Xenebra (Suíza) e Londres (Reino Unido).
Ao igual que no caso de Xenebra -conexión que se inaugurou a pasada fin de semana-, a ruta con Milán-Malpensa contará coa aeroliña EasyJet como operadora. Haberá dúas frecuencias semanais desde Alvedro coa cidade italiana, os martes e sábados, durante todo o ano. Neste sentido, o primeiro voo procedente do aeroporto de Milán-Malpensa chegará a Alvedro esta tarde, ás 16.30 horas. O percorrido de volta a Italia será xa ás 17.15 horas, no avión EJU3774.
Cun fluxo de tráfico de aproximadamente 29.000.000 pasaxeiros por ano, Milán-Malpensa é o segundo aeroporto máis importante de Italia, despois do de Roma-Fiumicino. Desta forma, o Concello reforza o papel da cidade como destino turístico, pero tamén amplía o mapa de de destinos dispoñibles para os coruñeses e coruñesas coas conexións internacionais que oferta a cidade italiana.