O Rácing de Ferrol promocionará a Coruña como destino turístico por toda España

 

A campaña "A Coruña: unha provincia por descubrir" luce desde onte nas equipacións dos xogadores do club verdibranco e no cerrado do estadio da Malata, grazas a un acordo de patrocinio que supón un investimento de 150.000 euros e que redunda en beneficio do club, da cidade e da provincia.

O presidente Valentín González Formoso, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, o conselleiro delegado do club, Manuel Ansede, e o presidente do Rácing, Felipe Criado presentaron hoxe o acordo na Malata e posaron co corpo técnico e o cadro de xogadores nunha foto de familia coas novas equipacións.

Formoso destacou que se trata "dun paso máis no apoio da Deputación ao Rácing de Ferrol", que xunto co Deportivo da Coruña "son dous clubs de referencia do fútbol desta provincia" e "unha inspiración" para miles de rapaces e rapazas que desde os clubs e categorías de base aspiran a chegar un día a estes equipos. Neste sentido, Formoso avanzou que Deputación traballa xa nun acordo similar co club coruñés.