Turismo de Santiago promociona a cidade na principal feira turística de Alemaña

 

Turismo de Santiago, entidade de promoción turística do Concello, participa esta semana na ITB, que se celebra en Berlín do sete ao nove de marzo. O mercado xermano é un mercado fundamental para Santiago, tanto polo volume de pernoctacións como de peregrinos que xera na cidade.

No 2022 o mercado alemán tivo unha forte recuperación na cidade, unha vez superadas as restricións xeradas pola Covid, como indican as máis de 20.000 Compostelas entregadas a peregrinos xermanos, fronte as 6.575 do 2021 e as 2.344 do 2020. En concreto, as Compostelas entregadas no 2022 foron 23.212.

O obxectivo de Turismo de Santiago é continuar coa recuperación do mercado alemán xa a corto e medio prazo, superando as cifras do 2019, cando houbo 26.167 peregrinos procedentes de Alemaña. Neste sentido, teñen moita importancia as dúas conexións directas que ten o aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro con Alemaña, en concreto con Frankfurt e Memmingen (Munich Oeste).