“Esta Semana Santa vai ser extraordinaria e este vai ser un gran ano para o sector turístico da provincia”, subliñou hoxe a presidenta da Deputación, Carmela Silva, ao avanzar as estimacións para os vindeiros días no destino Pontevedra Provincia. Deste xeito, apuntou que o 68% de ocupación prevista nos establecementos hoteleiros para a Semana Santa supera en dez puntos os resultados do mesmo período do 2022. “Son datos rigorosos, baseados en estatísticas e non en intuicións e existe confianza –subliñou- en que os datos finais á volta da Semana Santa confirmarán e mellorarán esta tendencia de liderado que temos na provincia”. Ademais, nos días festivos, agárdase que a porcentaxe se sitúe entre o 75 e o 77% se a meteoroloxía acompaña.
As “máis que notables” estimacións poñen de relevo, como destacou a presidenta provincial, “a recuperación trala pandemia e tamén a preferencia por un destino multiexperiencial como é a nosa provincia para estas vacacións. O sector, aínda con prudencia, coincide coas estimacións do barómetro de Turismo Rías Baixas que confirmaría, sen lugar a dúbidas, a recuperación da actividade turística na temporada de Semana Santa nun destino que ofrece os tres elementos máis buscados polas persoas viaxeiras: paisaxe, gastronomía e plans para desfrutar en familia”.