O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou as instalacións da empresa Conservas A Rosaleira, dedicada á elaboración de conservas vexetais. Cabarcos puxo en valor a calidade da produción da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Grelos de Galicia, da que A Rosaleira é operadora comercializadora, aportando -dixo- valor engadido a este selo.
Así mesmo, ademais dos grelos, a empresa elabora outas conservas vexetais de diferentes tipos, dende cebola en aceite, verzas ao natural ou xudías, ata mirabeles, cogomelos ou patacas baixo a IXP Pataca de Galicia, entre outros.
A Rosaleira, que na actualidade pertence ao Grupo Terras Gauda, foi fundada en O Rosal (Baixo Miño) no ano 1940 como Conservas Vegetales José Sánchez García, nome do promotor do proxecto e home con inquedanzas que foi alcalde e mestre da localidade durante moitos anos.
Comezou
a actividade co propósito de conservar os doces de froitas que facía a súa
muller e evolucionou coa elaboración de conserva de tomate, fritada e mirabeles
en almibre. No ano 1967 toma a decisión de elaborar grelos ao natural, idea
considerada polos lugareños coma unha excentricidade pero que, co paso do
tempo, se convertería nun dos produtos estrela de A Rosaleira, xunto cos
mirabeles, produtos ambos que na actualidade ocupan as despensas domésticas e
de restaurantes de renome.