A Xunta de Galicia destina 4,6 millóns de euros á posta en marcha dunha nova convocatoria das axudas para o impulso dunha rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización das prazas de abastos, en colaboración cos concellos e as asociacións e federacións de comerciantes. Prevese apoiar máis dunha vintena de municipios, así como arredor de 18 asociacións e federacións de praceiros. A través deste programa da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, que se prevé publicar no Diario Oficial de Galicia ao longo do mes de abril, búscase potenciar estas infraestruturas, clave para o comercio local, atendendo as necesidades tanto dos comerciantes como das persoas consumidoras; aproveitar a situación estratéxica dos mercados e potenciar estes espazos como o mellor escaparate do produto galego de calidade, vinculándoos ao contorno en que se integran, ao produto local e a valores como a sustentabilidade, a protección do ambiente e o trato personalizado. Do mesmo xeito, búscase mellorar a súa accesibilidade, acadar a súa modernización e dixitalización e incrementar os servizos que se prestan á clientela.