As reservas para verán e os datos de Semana Santa sitúan de novo a Baiona como primeiro destino entre os concellos turísticos da provincia
Baiona pechou o ano 2022 cuns datos históricos de ocupación turística e o 2023 será mellor, tendo en conta os datos de Semana Santa, a Arribada e as previsións para a tempada alta. As estatísticas sitúan á vila como primeiro destino turístico entre os concellos das Rías Baixas.
Despois do 100% de ocupación na semana da Arribada, Baiona pechou a Semana Santa cunha ocupación media superior ao 73% do xoves a domingo (doce puntos máis que en 2022), e do 65% os sete días (dez puntos máis que o ano pasado), segundo os datos da Oficina de Turismo e do Observatorio de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra.
É o preludio dunha tempada alta que superará os datos do ano pasado, que xa batiron récords históricos cunha ocupación do 69% en maio; 69% en xuño; 88% en xullo; 96% en agosto, e do 80% en setembro.