Promoven o estudo arqueolóxico de catro campamentos romanos na Coruña

 

O deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e o profesor de arqueoloxía da Universidade de Salamanca, José M. Costa, veñen de formalizar o acordo de colaboración entre ambas entidades para poñer en marcha o proxecto "A chegada de Roma ao Finis Terrae".

O proxecto contempla a investigación e divulgación de achados arqueolóxicos relacionados con catro campamentos romanos localizados na provincia da Coruña: O Cornado (Negreira), Santa Baia (A Laracha), A Cova do Mexadoiro (Trazo) e O Castrillón (Touro). Estes campamentos foron fortificacións temporais que o exército romano construía no transcurso das súas marchas, por motivos defensivos e tamén de disciplina interna, polo que eran recintos simples delimitados por fosos escavados no terreo, terrapléns e sebes. Por ser construídos rapidamente e ocupados durante un breve período de tempo, constitúen un tipo de xacementos arqueolóxicos de elevada fraxilidade e difíciles de identificar nas paisaxes actuais.