O Concello de Sanxenxo distinguirá coa Raia de Ouro a Carmen Uhía Martínez por unha longa traxectoria vinculada á venda de peixe tradicional. Unha traballadora incansable que, con apenas 10 anos, percorría descalza o municipio cunha patela sobre a cabeza chea de peixe. “Levabamos do peixe que houbera e chegara á lonxa de Portonovo: Sardiñas, xurelos, fanecas... De luns a domingo íamos ata Vilalonga andando, facíamos unha parada no Vinquiño e logo seguiamos. Eran outros tempos!”, recorda.
Refraneira e retranqueira, Carmen chegará o luns 1 de maio ás 12:30h a recoller o seu premio precedida polos Gatiños de Portonovo á Casa Mariñeira de Don Fernando. Alí agardará a súa familia, fillos, netos, bisnetos e tataraneta e tamén os seus veciños e amigos.