A Feira do Viño do Ribeiro, que este ano alcanza a súa sesaxésima edición, celébrase esgta fin de semana no recinto da Alameda en Ribadavia (Ourense). O pregoeiro desta edición tan especial será Juan Antonio Bande Alonso, membro fundador da feirano ano 1964, historia viva do evento pola súa participación e colaboración, sendo ademais o único membro dos fundadores que continúa con vida. O acto inaugural e a lectura do pregón terá lugar mañán venres ás 19 horas.
Outro detalle co que a organización quixo lembrar o 60 aniversario do evento foi o deseño do cartel pois fíxose unha readaptación do afiche da edición inaugural, levada a cabo por Francisco Sánchez.
Neste ano participarán un total de 35 adegas que ofrecerán os seus viños a todos os visitantes que se acheguen ata Ribadavia durante os días do evento.
O público deberá mercar a súa copa na caseta de venda de copas (na entrada do recinto) e, posteriormente, visitará as casetas das adegas onde poderá optar por degustar os viños mediante a proba (pequena cantidade de viño para catar o viño), copa ou por botella. Cada opción terá un prezo diferente que marcará cada adega.
Entre as principais actividades destacan os showcookings e catas comentadas con cociñeiros e sumilleres de recoñecido prestixio (entre eles Josep “Pitu” Roca, considerado un dos mellores sumilleres do mundo), RibeiroBUS, a cata popular, a zona gastronómica con pulpeira e Food Trucks, actuacións musicais en sesións de viño aperitivo e nocturnas, zona infantil, Botella Xigante, visitas guiadas ao Castelo e ao Museo do Viño de Galicia, etc.