Sanxenxo comezou o período vacacional de Semana Santa co balizamento en catro praias e 200 prazas máis de aparcadoiro
Sanxenxo comezou o período vacacional de Semana Santa co balizamento en catro praias e 200 prazas máis de aparcadoiro coa apertura da planta superior da Praza do Mar. Tras o tráxico suceso ocorrido o ano pasado, o Concello decidiu reforzar a seguridade nas praias onde resulta posible colocar balizamento debido á situación que presenta o mar nesta época do ano. Así, tras consultalo coa empresa encargada de realizar a sinalización acordouse, segundo criterios técnicos, adiantar a colocación de balizas en Panadeira, Silgar, Canelas e Caneliñas. Para o período de verán reforzarase con corcheras, un elemento que agora non aguantaría debido á situación do mar.
Como en anos anteriores, ao parking público de Nauta cuberto sumarase se é necesario o exterior da Praza do Mar con 200 estacionamentos máis. E a oficina de turismo de Portonovo abrirá como punto informativo do mesmo xeito que a situada en Sanxenxo no porto deportivo, en horario de mañá e tarde. O horario será de 10 a 14 horas e de 16 a 19:30 horas, de martes a sábado na oficina de Sanxenxo, e de 10 a 14 horas e de 16 a 19:30 horas na oficina de Portonovo (martes cerrada).