Tosta de lacón con grelos, chopo de caldo galego e aire de chourizo, tosta de San Xoán, taco de segredo de porco, tortaleta de queixo e marmelo, melindres e enreixado de cabelo de anxo. Esas foron as degustacións que os alumnos e alumnas do CIFP Manuel Antonio elaboraron hoxe na Praza de Abastos de Tui para celebrar “Degusta Europa”, o programa co que a Deputación de Pontevedra conmemora a data do 9 de maio, Día de Europa e da firma, no ano 1950, da “Declaración de Schuman”. A veciñanza da vila e as persoas traballadoras da Praza deron conta dos preto de 1.000 petiscos que formaban parte deste menú especial acompañadas pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a secretaria do CIFP Manuel Antonio, Beatriz Pol.