Arredor de 200 veciños e veciñas de nove asociacións da provincia de Lugo participan esta semana nas viaxes gratuítas do programa Coñece a túa provincia, a terceira edición desta iniciativa organizada pola Deputación de Lugo. Dende o martes ata o venres, as entidades de Taboada, Outeiro de Rei, Chantada, Sober, Castro de Rei, Begonte, Lugo e O Vicedo visitarán os recursos patrimoniais das comarcas da Mariña e a Ribeira Sacra, así como os concellos de Cervantes e Navia de Suarna, na Montaña.
A Asociación de Veciños de Arxiz, de Taboada, e a Asociación de Pensionistas e Xubilados do concello de Outeiro de Rei son as primeiras entidades en participar esta semana. Os de Taboada visitaron este martes a Granxa Gayoso Castro e, posteriormente, puxeron rumbo aos concellos de Barreiros e Ribadeo, onde visitarán o litoral, as praias e o centro de Ribadeo. Por outra banda, os veciños de Outeiro fixeron a primeira parada no Centro de Interpretación Terras do Miño e despois desprazáronse a Sober para coñecer os seus miradoiros e o románico.