Aprobado o proxecto de acondicionamiento do edificio que acollerá o Centro de Interpretación Rupestre de Villestro, en Santiago


 A Xunta de Goberno, reunida onte en sesión extraordinaria, aprobou o proxecto de acondicionamento do edificio no que se instalará o "Centro de Interpretación Rupestre de Villestro", que conta cun orzamento de 225.824,51 euros, IVE engadido. A edificación sobre a que se vai actuar ten dous andares, cunha superficie total construída total de 273 metros cadrados.

Na parcela na que se sitúa, de 4.585 metros cadrados, proxéctase un espazo de aparcamento para autobuses, coches, e bicicletas así como un acceso peonil accesible. Esta actuación levarase a cabo en dúas fases: unha primeira, obxecto deste proxecto, na que se executará o acondicionamento do inmoble. E unha segunda fase, que se desenvolverá máis adiante, na que está previsto acondicionar a parcela.


O inmoble sobre o que se vai actuar foi reformado anteriormente para uso de centro interpretativo, pero o paso do tempo e a falta de uso fai precisa unha nova intervención, xa que presenta deficiencias no seu estado de conservación e carencias nas instalacións e envolvente. O acceso ao inmoble realizase pola zona central, na que se atopan as escaleiras e os aseos. Este núcleo central remodelarase para crear un aseo adaptado. Demolerase o forxado existente para colocar un forxado sanitario a base de caviti incorporando ademais unha lámina impermeabilizante e unhas placas de illamento de 10 cm de espesor.