Cartel de non hai entradas do programa de ecoturismo "Vive o río Minho"

 

Continúa a grande acollida das actividades ecoturísticas do programa ‘Vive o Rio Minho’ organizadas pola Deputación de Pontevedra para as fins de semana deste mes nos concellos galegos e portugueses da ‘raia’. Segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, as 60 prazas para a actividade deste domingo día 14 esgotáronse en menos de 10 minutos desde que se habilitou a inscrición na páxina web da Deputación.

As persoas participantes gozarán dunha xornada de ecoturismo. Comezarán cunha ruta de sendeirismo pola chamada Senda dos Pescadores, dende a desembocadura do río Tamuxe en O Rosal ata Tomiño, para facer despois o treito inverso en caiac polo río Miño. Ambas rutas estarán guiadas e interpretadas, discorrendo por unha paraxe natural e cultural de moita beleza. A xornada ocupará o día completo, dende as dez da mañá ata as 19.30 horas.