Melide máis doce este fin de semana con melindres, ricos e amendoados


A Festa do Melindre e da Repostería Tradicional vense celebrando en Melide dende 1991 e dende 2013 está declarada Festa de Interese Turístico Galego. Este ano acada a trixésimo primeira edición e celebrarase este fin de semana, días 13 e 14 de maio.

Falar de melindres, melindreiras e melindreiros é falar de gastronomía, de agradables sobremesas, pero tamén de tradición e de riqueza cultural.

Nos fornos desta vila galega de interior amásanse cada día estes doces, sexan melidres, ricos ou amendoados que converten a Melide por direito propio en Terra Doce.

De feito, a Asociación Melide Terra Doce é unha entidade formada por varios reposteiros artesanais da localidade que traballan arreo para facer os mellores doces da comarca e dalos a coñecer polo mundo.

Aínda que sen rexistros escritos que daten con exactitude a orixe destes doces tradicionais, a memoria colectiva atribúe como pioneiras na elaboración de melindres, ricos e amendoados a Casa Melchora e Ramón do Forte no albores do século XX.

Os melindres son os doces máis coñecidos da repostería tradicional melidense, con forma de pequenas rosquillas ás que lles da brillo un baño de azucre; os ricos caracterízanse pola súa forma alongadae a súa dureza exterior, exclusivos na comarca; e os amendoados, de aspecto inconfundible, están elaborados con améndoas moídas, clara de ovo, azucre e obleas para a base.