O Concello de Lugo pecha temporalmente as Caldas para eliminar unha bacteria común detectada durante os controis ordinarios
A área de Medio Ambiente informa de que as Caldas do Miño permanecerán pechadas nos vindeiros días trala aparición de pseudomonas nos vasos de auga quente da instalación.
A presenza desta bacteria - moi común e tamén moi frecuente na natureza, especialmente, en ambientes húmidos – foi detectada durante os controis ordinarios que o Concello realiza periodicamente para verificar a calidade da auga.
Tras proceder ao baleirado dos Caldas, a área de Medio Ambiente está a levar a cabo nesta xornada un tratamento de choque e a desinfección integral e limpeza de todas as dotacións (vasos, circuítos, filtros, skimmer, etc). Está previsto que o xoves, a primeira hora da mañá, se realice unha nova toma de mostras e se repita a analítica para verificar a correción de todos os parámetros. Os resultados serán remitidos a Sanidade para a súa validación e posterior apertura do centro.