O Novo Mesoiro da Coruña recibe o mercado ecolóxico

 

Os mercados ecolóxicos promovidos polo Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Mercados, Comercio e Barrios, chegan este domingo a Novo Mesoiro, na súa modalidade de Mercado de Compra Sustentable. Esta iniciativa situarase xunto ao parque da tirolina, onde se celebran as festas do barrio, de 10.00 a 15.00 horas.

Os novos mercados ecolóxicos promovidos polo Concello botaron a andar neste mes de maio coa principal novidade de que se amplía a súa celebración a todos os domingos do mes. Deste xeito, o primeiro e terceiro domingo se situará no Campo da Leña, como é habitual; o segundo estará na praza da Tolerancia, en Labañou; e o cuarto rotará por diferentes barrios, sendo Novo Mesoiro o primeiro. O obxectivo é poder ofrecer e expandir os produtos ecolóxicos e de orixe local ao maior número de persoas.