O Consello da Xunta aprobou onte o proxecto de acordo polo que se toma razón da resolución que establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ao sector turístico para a promoción da dixitalización, por un importe de 1,5 M€. Estas axudas teñen por obxecto promover o desenvolvemento tecnolóxico e o proceso de transformación dixital das empresas turísticas a través da incorporación de solucións dixitais aos seus establecementos, servizos e procesos, coa finalidade de mellorar a súa competitividade, adaptándose ás novas necesidades e tendencias do sector turístico. O importe da subvención será do 80 % do investimento subvencionable. A axuda máxima será de 12.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Na actualidade, a dixitalización é clave para garantir a competitividade e a sustentabilidade do sector turístico, polo que dixitalizar as empresas turísticas apoia que sexan máis accesibles mediante dispositivos e sistemas que lles permitan ser eficientes nos procesos de xestión. A clave da transformación tecnolóxica é, ademais da infraestrutura dixital, o acceso a tecnoloxías como a nube, a ciberseguriade, sistemas de intelixencia artificial e análise masiva de datos.