O Concello de Baiona iza a bandeira azul en cinco das súas praias


A Praia da Ribeira acolleu o acto simbólico de izado das Bandeiras Azuis das praias do municipio. Os enclaves de Barbeira, Concheira, Frades, Ribeira e Santa Marta revalidaron o pasado mes de maio estes selos de excelencia pola calidade do litoral e das augas da costas baionesa.

O acto estivo presidido polo alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña; pola concelleira de Medio Ambiente, Ruth Álvarez González; a Concelleira de Deportes, Ana María Iglesias Rodríguez; o Concelleiro de Pesca, Marisqueo e Actividades Marítimas, Joaquín López Goce; o Presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), Marcos Comesaña, por representantes de varias asociacións da Vila e por unha representación de Protección Civil do Val Miñor.

O Alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, comentou que “con este acto, poñemos en valor o traballo realizado por todos e todas os que fan posible manter a excelencia do litoral, os servizos e a calidade ambiental, e aos usuarios e usuarias que manteñen a limpeza do principal reclamo turístico do municipio”.