O programa lucense Coñece a túa provincia remata a primaveira con preto de 1.800 participantes

 

A Deputación de Lugo remata esta semana a tempada de primavera da terceira edición do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia, que se retomarán en outono, con novas visitas entre os meses de setembro a novembro. No que vai de tempada, desde o mes de marzo,  beneficiáronse preto de 1.800 usuarios e usuarias dunhas 90 entidades e colectivos lucenses sen ánimo de lucro, polo que, con estas viaxes a institución provincial contribúe a impulsar a economía e o turismo de proximidade nas vilas onde se desenvolven estas rutas. 

Máis dun centenar de veciños e veciñas dos concellos de Lugo, Cospeito e Triacastela serán esta semana os últimos participantes. Deste xeito, este martes serán os membros da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo e da ANPA do IES Nosa Señora de Ollos Grandes, tamén da capital lucense, os que realicen a súa ruta polo sur da provincia e A Montaña, respectivamente. Os primeiros partirán cara Monforte desde o Pazo de San Marcos tras ser recibidos polo Deputado en funcións de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e os segundos sairán do Mazo de Santa Comba despois dun saúdo do Deputado en funcións de Medio Ambiente e Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo.