Vinte adegas participan na XXIV Feira do Viño de Valdeorras


Un total de 20 adegas da comarca participarán, os vindeiros 8 e 9 de xullo, na XXIV edición da Feira do Viño de Valdeorras, que se celebrará na praza barquense de Viloira. O foro vén acompañado dun completo cartel de actividades paralelas con propostas diversas e para todos os públicos, incluídos os cativos, que foi deseñado conxuntamente polo Consello Regulador e polo Concello do Barco de Valdeorras.

Na rolda de prensa de presentación da vindeira edición da feira participaron o máximo responsable do CRDO Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos, e o rexedor barquense, Alfredo García. O primeiro apuntou durante a súa intervención que o foro pretende este ano incrementar a súa proxección mediática a nivel nacional e para iso convidouse a visitar a comarca a un grupo de xornalistas especializados co obxectivo de que coñezan de primeira man, e durante a celebración da feira, o potencial vitivinícola da zona e o poidan difundir amplamente a través dos seus medios.

Xunto a isto, Rodríguez Castellanos puxo en valor a figura do pregoeiro elixido este ano para dar o pistoletazo de saída ao foro, “o escaparate promocional por excelencia dos nosos viños”, Manuel Jabois, ao que se referiu como un dos autores máis sobranceiros do panorama español actual.

Previamente á apertura do recinto feiral, durante o serán do venres, o Consello Regulador entregará no Complexo Hostaleiro Paladium os Premios da XXIV Cata Oficial dos Viños de Valdeorras. Entre outras persoas, participarán como catadores neste certame os membros do grupo de xornalistas que visitarán a comarca, convidados polo Consello Regulador.