A área de Impulso Rural rehabilita a ponte tradicional de Saa para poñer en valor o patrimonio etnográfico lucense
A área de Transición Ecolóxica e Impulso Rural, que dirixe o tenente de alcaldesa Miguel Fernández, está a executar labores de reconstrución e mellora nunha ponte tradicional anexa ao muíño de Barreiro, na parroquia de Saa.
O Executivo de Lara Méndez investiu 52.722 euros nesta obra, cuxo remate se estima a mediados do vindeiro mes de agosto.
“O seu estado actual era deficiente polo que procedemos a acondicionala rehabilitando a zona central, así como parte dos muros de acompañamento dos estribos, ademais de refacer novamente os pretiles, hoxe inexistentes”, explicou o concelleiro.
Deste xeito, a zona da ponte sobre o leito refarase por completo, namentres que o resto será recontruído só parcialmente, xa que o núcleo se atopa en bó estado. Proxéctase, así mesmo, a rexeneración dos muros tradicionais - con pedra similar á existente - e o paso da auga, que se executará con lousas de pizarra de gran tamaño para resistir o peso dos vehículos.
Tamén se substituirán os pavimentos existentes con formigón desactivado sobre zahorra e solo seleccionado.