Trinta familias do Carballiño son as protagonistas da exposición fotográfica "Pulpeiras e familia" que dende hoxe pode visitarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación. Un proxecto artístico que naceu da man da asociación fotográfica "O Potiños", en colaboración con Pulpeiros do Carballiño.
Os fotógrafos que participaron nesta iniciativa foron xuntando diferentes xeracións e convivindo con eles para comprender mellor o seu traballo e o amor a esta profesión. "As nosas fotos queren reflectir ese traballo, esa dedicación, e para iso prescindimos do elemento máis esencial: o pulpo. Quixemos que coas súas ferramentas -caldeira, pratos, ganchos, aceiteira, saleiro e pementeira- expresasen a satisfacción dun traballo ben realizado", sinalan dende a agrupación fotográfica ao avaliar o resultado final.
As fotografías da exposición, realizadas en branco e negro, "son unha homenaxe a todas as persoas que, ao longo de cinco ou seis xeracións, seguen a facer un traballo ben feito e foron creando unha marca".