A Deputación recupera a tradición de queixería do Castelo de Soutomaior, en Pontevedra


A Deputación de Pontevedra organiza este sábado 19 de agosto ás 11:30 horas no Castelo de Soutomaior un obradoiro infantil de cociña para recuperar a tradición da queixería da fortaleza na época da súa dona María Vinyals (finais do século XIX e principios do XX). A actividade, que forma parte do programa “Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior”, ten as prazas esgotadas.

A proposta consistirá nun taller no que a rapazada aprenderá a elaborar manteiga e queixo fresco cunha receita tradicional. No primeiro caso, os monitores iranlles guiando na forma de bater a nata ata separala, darlle forma e aromatizala para elaborar a manteiga. No que atinxe ao queixo, axudaranlles no proceso de ferver o leite con vinagre e sal para logo, unha vez callado, botalo nun pano e darlle forma. Todos os participantes poderán levar unha porción de manteiga ou o seu queixo para degustalo na casa. O taller está impartido pola empresa ‘Donde viven los Cuentos’.