O Concello de Ferrol abre o prazo para que as empresas locais participen en SICTED, un proxecto de mellora de calidade turística



O Concello de Ferrol vén de abrir o prazo para que as empresas da cidade poidan apuntarse no proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos, SICTED. É un proxecto promovido polo Instituto de Turismo de España (TURESPAÑA) e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que traballa con empresas/profesionais do sector turístico de até 37 oficios diferentes, co obxectivo de mellorar a experiencia e a satisfacción do turista, revelou a concelleira de Turismo, Maica García.

As empresas e profesións que poden participar son comercios de todo tipo cunha clientela importante de turistas e visitantes, taxistas, aloxamentos turísticos, empresas de transporte turístico, cafeterías e restaurantes, guías turísticos, museos…

A participación é totalmente gratuíta, xa que o custo da súa implantación está subvencionado polo Concello de Ferrol, a través da Sociedade Mixta de Turismo, e pola Deputación Provincial de A Coruña, xa que é unha das accións contempladas no Programa de subvencións para entes de xestión turística da provincia no ano 2023. Este ano búscase incorporar 10 novas empresas para empezar a mediados do mes de setembro.